10 maio 2012

Moitas máis vitaminas para o galego


Presentación no Concello de Lugo



Santiago, 10 de maio de 2012.- Alumnos e alumnas dos colexios e Institutos de Lugo recibirán nos vindeiros días “Lapis para escribir en galego”, dentro da campaña “Vitaminas 17” que esta semana se presentou na Casa do Concello de Lugo. “Vitaminas 17” é unha iniciativa de Vitaminas para o Galego, a plataforma na que colaboran 29 medios de comunicación do país. Este colectivo prepara unha serie de accións co gallo do Días das Letras, entre as que se inclúe a lectura dun manifesto en 17 cidades de todo o mundo.
Segundo o responsábel dun dos medios organizadores, Henrique San Fiz de Radiofusión, “os lapis pretenden ser unha chiscadela de humor e ironía para propiciar a reflexión arredor da utilización da nosa lingua”. Alfonso Ribeiro (De luns a venres) indicou que segundo os dados do EGM, o 40% dos seus lectores teñen como primeira lingua o castelán, o que demostra “que a utilización do idioma galego non é en absoluto un obstáculo para chegar a todo tipo de públicos”. O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura Antón Bao subliñou a importancia de promover o idioma galego como “elemento de cultura, comunicación, tolerancia e respecto”.
Os organizadores destacaron que “nestes momentos xa se sumaron á Vitaminas para o galego 29 medios de comunicación, o que é unha proba da receptividade da sociedade diante desta iniciativa”.

Vitaminas 17 polo Día das Letras
Para conmemorar o Día das Letras, o 17 de maio, os medios de comunicación de Vitaminas, organizan unha actividade expansiva “facendo fincapé na necesidade de medios en galego para prestixiar o idioma e garantir a súa transmisión interxeracional”.
Na web vitaminasparaogalego.gl pódese consultar un manifesto redactado polos medios. O obxectivo é que o 16 de maio se lea o manifesto en, polo menos, 17 escolas e institutos de Galicia, diante de 17 Casas dos Concellos, en 17 cidades de todo o mundo e que se traduza o manifesto ás 17 linguas máis faladas. Vitaminas xa traballa para que todas estas lecturas se graven en vídeo e se envíen ao enderezo manifesto@vitaminasparaogalego.gl

Festival en Carballo
A iniciativa que se presentou onte en Lugo rematará o dia 16 co festival “Vitaminas para o galego”, organizado polo Concello de Carballo e que presentará a actriz e escritora Paula Carballeira contando coa actuación de María Xosé Silvar “Ses”. Ademais realizarase a entrega do Premio de Artigos Normalizadores, que este ano recaeu en Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización.
A campaña Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación: Tempos Novos, Galicia Confidencial, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Val Miñor.info e Quepasanacosta. Colaboran ademais Xornal da Barbanza Certo, O Sil.info, Crónica 3, Radio Nordés, Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca, Surf GZ, Cardenos de Comunicación e Análise, Lalín e Comarca, Hermes e Atenea , Disquecool, De Luns a Venres, Cabozo.com, Vencello, Cartafol, A nova Peneira, Programa radio Plástico Elástico, Cerne, Terra de Melide, gzvideos, gzmusica, Kubus e Gaceta de Fene.

Ningún comentario:

Publicar un comentario