19 maio 2012

Lugo vólcase coa iniciativa "Vitaminas para o galego" promovida por máis de vinte medios de comunicación

Imaxe Asociada
Imaxe Asociada# Mércores, 09/05/2012



Será sede do ambicioso proxecto denominado “Vitaminas 17” que se celebrará conxuntamente en 17 cidades do mundo e 17 cidades galegas para conmemorar o Día das Letras Galegas 

A lectura dun manifesto e o reparto de lápises entre escolares son os actos programados en Lugo 

16 maio 2012

#17vitaminas para o galego

Lanzamos a nova web da campaña #17vitaminas co gallo do Día das Letras. Nesta web recollemos todos os vídeos que nos chegan dende todos os recunchos do planeta para darlle máis Vitaminas para o galego


O telexornal en galego do CEIP Sobrado - Nebra en Porto do Son

Nestes días que iniciamos a campaña #17vitaminas co gallo do Día das Letras, estamos a recibir un feixe de vídeos onde nenos e nenas participan dando lectura ao manifesto. Vídeos de nenos e nenas "máis grandes" tamén nos chegan dende outros recunchos do mundo, a outra Galicia exterior.

Hoxe recibimos tamén o vídeo do CEIP de Sobrado - Nebra de Porto do Son. Un vídeo simpatiquísimo onde os pequerrechos dan lectura ao manifesto de Vitaminas para o galego. Pero a sorpresa de todos nós foi maiúscula cando atopamos na canle deste mesmo centro o vídeo do 1º Telexornal de Nebra feito polo alumnado do cole, que está moi moi moi moi ben, que danos folgos para seguir nesta defensa do uso do galego nos medios de comunicación.

Dende aquí queremos dar os nosos parabéns ao profesorado do centro, pola súa creatividade, orixinalidade e compromiso coa lingua, e aos pequerrechos por darlle "Vitaminas ao galego" e deixarnos claro que o xornalismo en galego será unha realidade con estes futuros profesionais.

Aquí vos deixamos o vídeo para que se espalle pola rede.




Se queres participar na campaña de #17Vitaminas para o galego, colle o nosos manifesto e graba o teu vídeo . Mándanos un correo a manifesto@vitaminasparaogalego.gl co vídeo ou coa ligazón a onde o teñas subido (Youtube, Vimeo, ..)


15 maio 2012

Moitos videos coas Vitaminas para o galego

Dende Mondoñedo, Narón, Fene, Corcubión, Muxía e Dublín, xa subiron as leituras do manifesto "Vitaminas para o galego". Pódense contemplar todos eles no canle www.youtube.com/vitaminasparaogalego
Queremos xuntar ao menos 17 concellos, 17 escolas ou institutos, 17 cidades do mundo e máis a tradución do manifesto a 17 idiomas. Coa túa axuda, ímolo lograr!

10 maio 2012

Carballo fai entrega das súas Vitaminas para o galego


Se xa vimos que o Concello de Carnota se une á campaña Vitaminas para o Galego, será tamén o Concello de Carballo o que faga a súa aportación á nosa lingua.

I é que a entrega a Carlos Callón do VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo (cuxo artigo “Fai teu o galego” publicaremos o 20 de maio en QPC) farase no marco da Vitaminas para o galego, tomando o mesmo nome para o acto.

Un acto que será o mércores 16 de maio, ás 21.00 h no Pazo da Cultura de Carballo, que se completará ademais cun concerto de Sés e que contará coa presentación da actriz Paula Carballeira.
Unha boa ración de vitamina galegas para a nosa lingua, dende logo. Aí vos deixamos coa voz de Ses, ou
María Xosé Silvar:

Moitas máis vitaminas para o galego


Presentación no Concello de Lugo



Santiago, 10 de maio de 2012.- Alumnos e alumnas dos colexios e Institutos de Lugo recibirán nos vindeiros días “Lapis para escribir en galego”, dentro da campaña “Vitaminas 17” que esta semana se presentou na Casa do Concello de Lugo. “Vitaminas 17” é unha iniciativa de Vitaminas para o Galego, a plataforma na que colaboran 29 medios de comunicación do país. Este colectivo prepara unha serie de accións co gallo do Días das Letras, entre as que se inclúe a lectura dun manifesto en 17 cidades de todo o mundo.
Segundo o responsábel dun dos medios organizadores, Henrique San Fiz de Radiofusión, “os lapis pretenden ser unha chiscadela de humor e ironía para propiciar a reflexión arredor da utilización da nosa lingua”. Alfonso Ribeiro (De luns a venres) indicou que segundo os dados do EGM, o 40% dos seus lectores teñen como primeira lingua o castelán, o que demostra “que a utilización do idioma galego non é en absoluto un obstáculo para chegar a todo tipo de públicos”. O tenente de alcalde e concelleiro de Cultura Antón Bao subliñou a importancia de promover o idioma galego como “elemento de cultura, comunicación, tolerancia e respecto”.
Os organizadores destacaron que “nestes momentos xa se sumaron á Vitaminas para o galego 29 medios de comunicación, o que é unha proba da receptividade da sociedade diante desta iniciativa”.

Vitaminas 17 polo Día das Letras
Para conmemorar o Día das Letras, o 17 de maio, os medios de comunicación de Vitaminas, organizan unha actividade expansiva “facendo fincapé na necesidade de medios en galego para prestixiar o idioma e garantir a súa transmisión interxeracional”.
Na web vitaminasparaogalego.gl pódese consultar un manifesto redactado polos medios. O obxectivo é que o 16 de maio se lea o manifesto en, polo menos, 17 escolas e institutos de Galicia, diante de 17 Casas dos Concellos, en 17 cidades de todo o mundo e que se traduza o manifesto ás 17 linguas máis faladas. Vitaminas xa traballa para que todas estas lecturas se graven en vídeo e se envíen ao enderezo manifesto@vitaminasparaogalego.gl

Festival en Carballo
A iniciativa que se presentou onte en Lugo rematará o dia 16 co festival “Vitaminas para o galego”, organizado polo Concello de Carballo e que presentará a actriz e escritora Paula Carballeira contando coa actuación de María Xosé Silvar “Ses”. Ademais realizarase a entrega do Premio de Artigos Normalizadores, que este ano recaeu en Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización.
A campaña Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación: Tempos Novos, Galicia Confidencial, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Val Miñor.info e Quepasanacosta. Colaboran ademais Xornal da Barbanza Certo, O Sil.info, Crónica 3, Radio Nordés, Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca, Surf GZ, Cardenos de Comunicación e Análise, Lalín e Comarca, Hermes e Atenea , Disquecool, De Luns a Venres, Cabozo.com, Vencello, Cartafol, A nova Peneira, Programa radio Plástico Elástico, Cerne, Terra de Melide, gzvideos, gzmusica, Kubus e Gaceta de Fene.

05 maio 2012

Unha noite de poesía e punk para darlle Vitaminas ao galego

Alicia Fdez. en primeiro plano, con Gonzalo Hermo e Olalla Cociña dando vitaminas para o galego en verso


“Sabemos tirar os penaltis e non facemos como o Barça e o Madrid”, afirmou o grupo muradán Terbutalina no festival de Vitaminas para o galego que se celebrou na noite do pasado venres na Gentalha do Pichel en Santiago de Compostela. Ademáis do enerxético “gastro punk” dos de Muros, a xornalista Xiana Arias coordenou con palabras fermosas e precisas un acto no que se deron cita xornalistas, músicos e a vangarda da intelectualidade compostelán.