06 decembro 2015

“Os medios en galego estamos moi ben posicionados pensando no futuro”



A pasada fin de semana a Asociación de Medios en Galego, da que forma parte QPC, tivo presenza no Culturgal. Ademais, de situar un posto informativo na Feira das Industrias Culturais de Galicia, a AMEGA realizaba unha mesa redonda sobre a situación dos medios en galego e sobre a situación do galego nos medios. Gracias á xentileza da Editorial Xerais e do traballo de k12 Producións, este foi o debate que desenvolveron Ubaldo Cerqueiro, responsable de Que pasa na Costa; Enrique Sanfiz, Presidente de AMEGA e director de Radio Fusión (grupo de emisoras municipais galegas); Xurxo Salgado, Director de Galicia Confidencial e Álvaro Peralta, Redactor de Valminor.info. 



Todos coincidiron en que, a pesar de ter cada día mellores audiencias, de promover que a lingua galega sexa unha lingua útil e nobre, de estar moi ben posicionados en materia dixital, e de ter sido fundamentais na superación da fenda dixital do país, as axudas son cada día menores. “Canta máis audiencias rexistran os nosos medios menos disposición parecen ter en achegar axudas e incluírnos no reparto publicitario”, asegurouse nesta mesa retransmitida por todos os medios de AMEGA en directo dende a feira.

Lembraron que a proposta de modificación da lei de publicidade institucional presentada por AMEGA ao Parlamento de Galicia leva máis dun ano nos caixóns. Inda o apoio explícito ao proxecto por parte de AGE e o BNG, o restos das forzas políticas non deron ningún paso para avanzar no punto. Reclamaron tamén unha política de investimentos para o conxunto das industrias culturais de Galicia. Un sector que aseguraron, foi dos máis afectados pola crise e os recortes das administracións públicas, cun efecto desbastador na produción cultural e as fontes de traballo. A mesa finalizou cunha reafirmación dos medios implicados en AMEGA na defensa da lingua do país e do dereito a informar en igualdade de condicións que os medios monolingües en castelán. 



 

Percorrido en directo

Así foi o percorrido que realizamos en directo polos stands do Culturgal para catar o ambiente da edición de este ano. Presentador - Hugo Rodríguez Cámara - Juanca Soto

A AMEGA


A AMEGA está formada polos seguintes medios: Radio Fusión-Rede de Emisoras Municipais Galegas, Galicia Confidencial, Praza, Sermos Galiza, Tempos Novos, Novas da Galiza, A Nova Peneira, Valmiñor.info, Que pasa na Costa, A Voz de Vilalba, Crónica 3 e Terra Cha Xa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario