PSdeG, AGE e BNG apoian unha proposta de Lei de Publicidade Institucional desta asociación para prohibir
os convenios pola súa evidente arbitrariedade e que se reserve unha parte do orzamento das campañas
publicitarias para medios en galego.
Os medios membros da Asociación de Medios en Galego (AMEGA) denuncian a desidia da Xunta para coa
defensa do uso do galego no eido da comunicación ante a pasividade das administracións públicas.
Son varias as situacións nas que a entidade, que defende, ante todo, o uso do noso idioma nos medios
de comunicación, viuse atacada polas decisións da Xunta de Galicia.
O goberno de Núñez Feijóo obvia o artigo 5 do Estatuto de Autonomía que recolle que “os poderes
públicos de Galicia garantizarán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do
galego en todos as ordes da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para
facilitar o seu coñecemento”. Esta Xunta está máis interesada en favorecer os intereses dos grandes
grupos mediáticos que de defender os medios en galego, a pesar de que os medios tradicionais están
sufrindo unha grave crise con despidos masivos e unha gran perda de audiencia.
No pasado 2014, os medios que utilizan o castelán levaron 9 veces máis axudas na
orde de axudas institucionas que os medios que usan o galego. A Xunta destinou
1.675.000 para os xornais dos grandes grupos de comunicación, mentres que repartíu algo menos de
182.000 entre os xornais integramente en galego por utilizar esta lingua. Unhas axudas en galego da
que tamén se benefiaron os grandes grupos de comunicación con centos de miles de euros por
utilizar, tan só, o 6% do galego en todo o medio.
Precisamente, a finais do pasado mes de xaneiro, a Secretaría Xeral de Medios facía públicas unhas
novas bases da convocatoria de Axudas económicas dirixidas a empresas que realicen
publicacións periódicas escritas integramente en galego (https://sede.xunta.es/detalle-procedemento?
codCons=PR&codProc=858A&procedemento=PR858A). Unhas axudas das que volven quedar
exentos os diarios dixitais a pesar das boas palabras que tivo a secretaria xeral de Medios, Mar
Sánchez Sierra, cos representantes da AMEGA. Por outra banda, esta convocatoria vén sufrindo
recortes constantes nos últimos anos, con reducións da dotación orzamentaria sospeitosamente
similares en contía ás axudas que percibían medios xa desaparecidos.
Unhas axudas das que, ademais, algunhas publicacións están excluídas por cuestións
normativas, como é o caso do Novas da Galiza, que comunica en galego reintegracionista. É idea
da AMEGA que ningún medio de comunicación quede excluído a competir en axudas públicas pola
normativa que decida utilizar. Nese sentido, facemos nosas as propias palabras do Presidente da Xunta
en varios actos institucionais e entrevistas nas que aseguraba que o galego nos permite comunicarnos
con 250 millóns de persoas, facendo clara referencia á relación íntima da lusofonía e a lingua galega.
Por outra banda, os convenios para a promoción da lingua galega acaban recaendo sempre nas
mesmas grandes editoriais, con certas dúbidas sobre a súa legalide, pois algunhas das publicacións subvencionadas non cumpren os requisitos mínimos, tan ridículos como contar cun 6% da
información en lingua galega.
Outro dos puntos que chama a atención é a exclusión dos medios de comunicación en galego das
constantes campañas publicitarias institucionais. Campañas polas que a Xunta inxecta aos grandes
grupos millonarias cantidades de diñeiro en conceptos variopintos de publicidade e propaganda. Por
iso, a AMEGA levou ao Parlamento Galego unha Proposición de Lei de Publicidade
Institucional. No texto que propoñemos para esta Lei -que contou co apoio do PSdeG, BNG e
AGE (apoiarona os tres), recóllese precisamente a prohibición dos convenios pola súa evidente
arbitrariedade e a reserva dunha parte do orzamento das campañas publicitarias para medios en
galego.
Por todo isto, esiximos a necesaria transparencia no reparto de axudas aos medios
de comunicación, así como as campañas publicitarias institucionais. Tamén
reclamamos que as axudas á promoción do galego recalen, na súa medida, nos medios que facemos
do galego a nosa identidade.
A Asociación de Medios en Galego, que segue en proceso de crecemento, a día de hoxe, chega a uns
300.000 galegos a través dos seguintes medios: A Nova Peneira, A Voz de Vilalba, Crónica 3 -- xornal
dixital da Mariña Lucense, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza Pública, Quepasanacosta.com --
xornal dixital da Costa da Morte, Radiofusión -- rede de emisoras municipais galegas, Sermos Galiza,
Tempos Novos, Terra Cha Xa e Valminor.info.
Ningún comentario:
Publicar un comentario