“Non se trata de vivir do conto, senón de xogar coas mesmas regras de xogo que os grandes medios. Non pode ser que os grandes grupos mediáticos galegos, que usan o español, teñán infinidade de axudas públicas e, polo contra, os medios en galego estean excluídas das mesmas”, sinala Xurxo Salgado.
A Asociación de Medios en Galego, a través de Xurxo Salgado, denunciou este luns a política de publicidade institucional da Xunta ante o integrantes do Comité de Expertos sobre Linguas Minoritarias –organismo dependente do Consello de Europa encargado de velar polo cumprimento da Carta Europea das Linguas–, pola marxinación á que están sometidos os medios en galego.
Nun encontro que este grupo de expertos mantivo con representantes de asociacións e institucións públicas e privadas, Salgado falou da “precaria” situación na que se atopan os medios en galego e pediu unha maior implicación dos poderes públicos no impulso do galego nos medios. “Non se trata de vivir do conto, senón de xogar coas mesmas regras de xogo que os grandes medios. Non pode ser que os grandes grupos mediáticos galegos, que usan o español, teñán infinidade de axudas públicas e, polo contra, os medios en galego estean excluídas das mesmas”.
Ademais, o vicepresidente de AMEGA e director de Galicia Confidencial, que explicou a difícil traxectoria deste medio e doutros, destacou que os xornais ou radios en galego están en “inferioridade de condicións”, xa que teñen que “esforzarse o dobre para poder saír adiante”.”Nós estamos en desventaxe. Se só se tratara de competir para gañar máis audiencia non habería ningún problema. É unha regra de xogo que todos aceptamos, pero o complicado aquí é que non competimos por audiencia, senón que os grandes reciben axudas públicas das que somos excluídos sistemáticamente os medios en galego”, dixo.
Na súa intervención, Salgado tamén se referiu á proposta de Lei de Publicidade Institucional que a Amega presentou hai uns días no Parlamento galego e que conta co respaldo dos grupos da oposición. Unha iniciativa, dixo, que pretende dotar de “transparencia” ao reparto das axudas públicas e da publicidade aos medios de comunicación para “protexer, cultivar, difundir e socializar o idioma galego”.
“Como é posible que nun país no que máis da metade da poboación é galego falante non exista un medio diario en Galego?”, cuestionou o director de Galicia Confidencial. Unha cuestión que inquedou aos membros do Comité de Expertos sobre Linguas Minoritarias que se interesaronse pola falta de axudas aos medios en galego e amosaron a súa sopresa porque non haxa unha política “equitativa” de subvencións aos medios.
De feito, o informe anterior do Consello de Europa era tremendamente crítico co goberno galego e denunciaba múltiples incumprimentos deste con respecto á lingua propia, “mais a situación aínda foi a peor, pois a acción da Xunta con respecto ao galego é de desleixo e desprotección total, polo que os incumprimentos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias non deixan de incrementar no ensino, na administración, na xustiza, etc”, apuntaba.
Ao longo deste luns tamén se entrevistaron con estes expertos, representantes da Irmandade Xurídica Galega, do Foro Peinador, da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, da Mesa pola Normalización Lingüística ou do Colexio de Xornalistas de Galicia, entre outros. Outros colectivos, como a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) denunciou a súa exclusión destes encontros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario