Quique Sanfiz, presidente da AMEGA, coo Secretario de Política Lingüística, Valentín García |
A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) comeza a dar pasos en firme para mellorar e regularizar a situación daqueles xornais, radios, televisións ou webs que apostan polo galego como vía de comunicación. Con este obxectivo varios membros deste colectivo entrevistaronse coa secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez, e co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Ambos os dous comprometeronse a traballar conxuntamente coa AMEGA para potenciar a situación dos medios en galego.
Tal e como xa fixo hai unhas semanas cos catro grupos parlamentarios e co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a AMEGA expúxolles a ambos os dous cargos públicos as dificultades polas que atravesan os medios en galego. Por iso, esta organización propón establecer un marco de relacións entre institucións e medios que abranga 3 lexislaturas.Así mesmo, avanzou a súa intención de comezar a traballar consensuadamente na creación dunha Lei de Publicidade Institucional, unha vez que o actual Decreto rixe dende o ano 1999, cando a realidade mediática do país era singularmente diferente.
Valentín García con varios membros da AMEGA |
O secretario xeral de Política Lingüística destacou a importancia que o galego ten en Internet, onde xa está no posto 20 en uso, e comprometeuso a impulsar eidos de colaboración coa AMEGa en temas de relevancia do noso idioma.
Por outra banda, destacou a necesidade de ter claro o que son medios dixitais e blogs, é dicir, criterios de definición de medios de comunicación á hora de poñer en marcha distintas campaña. Unha cuestión que tamén suscitou a Secretaría Xeral de Medios, Mar Sánchez. Neste sentido, a AMEGA compartiu estes temores pero suliñou que esta cuestión xa se ten debatido no seo da asociación e que xa o ten claro nos seus estatutos.
Tanto con García como con Sánchez, a AMEGA destacou a necesidade de poñer en marcha unha Lei de Publicidade Institucional. "Estamos traballando xa niso", sinalou varias veces a secretaria xeral de Medios. De feito, instou a esta asociación a que envíe as súas propostas e que inclúa so seus novos criterios de axudas.
A xuntanza entre a AMEGA e a Secretaría Xeral de Medios e de Política Lingüística foi moi cordial e as distintas entidades acordaron marcos de colaboración conxuntos.
AMEGA
Se ben a Asociación de Medios en Galego segue en proceso de crecemento, a día de hoxe está formada por 15 medios (A Nova Peneira, A Voz de Vilalba, Cadernos de Comunicación e Análise, Certo -- xornal do Barbanza, Compás da Costa -- revista dixital da Costa da Morte, Crónica 3 -- xornal dixital da Mariña Lucense, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza Pública, Quepasanacosta.com -- xornal dixital da Costa da Morte, Radiofusión -- rede de emisoras municipais galegas, Sermos Galiza, Tempos Novos, Terra Cha Xa e Valminor.info). Todos estes medios chegan a un público cercano ás 150.000 persoas, aínda que en momentos puntuais poden duplicar esas cifras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario