24 setembro 2014

Lei de Publicidade Institucional de Galicia

A Asociación de Medios en Galego quere protexer, cultivar, difundir e socializar o idioma galego. E facelo resaltando os valores positivos da utilización da nosa lingua. Para iso reclamamos transparencia no reparto das axudas públicas e da publicidade aos medios de comunicación. 

A cidadanía reclama e comprende o valor do pluralismo para unha maior calidade da democracia. Proclamámonos medios defensores dos servizos públicos, da sanidade, educación, servizos sociais como elementos de cohesión e avance da sociedade. 

Para iso presentámoslle a todos os grupos parlamentares unha proposta de Lei de Publicidade Institucional que queremos que recolla esas ideas.

06 xuño 2014

As fotos de Asunta Basterra

A Asociación de Medios en Galego posiciónase radicalmente en contra da publicación de fotografías denominadas "escabrosas" da nena Asunta Basterra. A entidade fai un chamamento ás direccións dos medios que recolleron esas imaxes, para que as retiren no prazo máis breve posible. Os medios en galego entenden alonxada "da ética informativa e cidadán máis básica" a difusión de imaxes morbosas e que "parecen regocixarse na exaltación dos piores instintos humanos, somentes guiados pola máis ruín búsqueda de audiencias".

Empurrados uns polos outros, apremados pola necesidade de saciar a ansia de morbo e aguilloados por encher cada día titulares, decidiuse prescindir dos pesos que limitaban o avance rápido pola secuencia dos feitos/non feitos. Así, por que contrastar información cando se pode facer dos murmurios unha fonte fidedigna? Por que silenciar todos eses suculentos dIxomedíxomes que percorren a vella Compostela e non convertelos en elemento noticiable? Como obviar adxectivos despectivos, diminutivos e o máis mínimo detalle da intimidade familiar se iso permite unha foto fixa dun escenario truculento? Por que respectar a presunción de inocencia? Por que non dar creto ás teorías máis escabrosas? Por que non afirmar sen pudor se podemos desmentir despois e, nese espazo de tempo, liderar índices de audiencia? Por que calar se podemos apostilar “segundo algunhas fontes” e meter calquera dato por moi especulativo que sexa? Por que non acudir a menores se podemos sacar tallada? Por que agardar a confirmar os datos se algunha fonte da investigación ávida de gloria efémera nolos está ofrecendo en bandexa?

Neste caso todos os actores decidiron interpretar outro rol e nun xogo desconcertante de cadeiras hai axentes que xogan a detectives, coadoiros xudiciais que filtran datos, presuntos amigos e familiares que enxurran, xornalistas con vocación de literatos, avogados con ínfulas de manager, responsables de informativos que confunden peza informativa con faladoiros de barra de bar, consumidores de morbo que catapultan os índices de audiencia e unha constatación clara: todo vale. E todo o demais, tamén. Resulta evidente que non escarmentamos co caso de Rocío Wanninkhof porque, de ser así, evitariamos, custe o que custe, os xuízos paralelos e teriamos en máis alta estima a "presunción de inocencia esixible nun estado democrático" afirmaba no pasado mes de outubro a escritora e xornalista Rosa Aneiros, nun texto de plena actualidade e na Voz dos Medios en Galego.

  • Santiago de Compostela, a seis de xuño do 2014.

26 marzo 2014

Como cho digo

A campaña "Como cho digo", da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) traballa polo mesmo ca nós: Pola visibilización do uso do galego nos medios de comunicación. Como cho digo ;-) www.comochodigo.eu.

14 marzo 2014

A privatización da sanidade


O Servizo Galego de Saúde (Sergas) ten, para o ano 2014, un orzamento de 3.326 millóns de euros, que é case 400 millóns máis baixo que en 2010. As externalizacións e os concertos con centros privados aumentaron de forma extraordinaria; representan xa preto do 50% do presuposto total xunto co gasto en farmacia e material sanitario, que segue a ser moi elevado (1335 millóns de euros). O descenso orzamentario afecta sobre todo ao gasto en persoal (pola destrucción de prazas e a reducción salarial, descende un 14% respecto a 2010 e representa o 44% do total). Con tanto gasto comprometido para a actividade privatizada e a factura das farmacias, o Sergas só dispón do 5% do presuposto para todo o demáis(obras, dotación, equipamento, funcionamento etc.), a todas luces insuficiente. Os actuais gobernantes levaron a situación a tal extremo que o Sergas ten cegada toda posibilidade de investimento e mellora, situación terrible para calquera organización que queira ser punteira.