15 fevereiro 2015

AMEGA denuncia a exclusión de medios en galego das axudas institucionais

PSdeG, AGE e BNG apoian unha proposta de Lei de Publicidade Institucional desta asociación para prohibir os convenios pola súa evidente arbitrariedade e que se reserve unha parte do orzamento das campañas publicitarias para medios en galego.

Os medios membros da Asociación de Medios en Galego (AMEGA) denuncian a desidia da Xunta para coa defensa do uso do galego no eido da comunicación ante a pasividade das administracións públicas. Son varias as situacións nas que a entidade, que defende, ante todo, o uso do noso idioma nos medios de comunicación, viuse atacada polas decisións da Xunta de Galicia.


O goberno de Núñez Feijóo obvia o artigo 5 do Estatuto de Autonomía que recolle que “os poderes públicos de Galicia garantizarán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en todos as ordes da vida pública, cultural e informativa, e disporán dos medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”. Esta Xunta está máis interesada en favorecer os intereses dos grandes grupos mediáticos que de defender os medios en galego, a pesar de que os medios tradicionais están sufrindo unha grave crise con despidos masivos e unha gran perda de audiencia.

No pasado 2014, os medios que utilizan o castelán levaron 9 veces máis axudas na orde de axudas institucionas que os medios que usan o galego. A Xunta destinou 1.675.000 para os xornais dos grandes grupos de comunicación, mentres que repartíu algo menos de 182.000 entre os xornais integramente en galego por utilizar esta lingua. Unhas axudas en galego da que tamén se benefiaron os grandes grupos de comunicación con centos de miles de euros por utilizar, tan só, o 6% do galego en todo o medio.

Precisamente, a finais do pasado mes de xaneiro, a Secretaría Xeral de Medios facía públicas unhas novas bases da convocatoria de Axudas económicas dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego (https://sede.xunta.es/detalle-procedemento? codCons=PR&codProc=858A&procedemento=PR858A). Unhas axudas das que volven quedar exentos os diarios dixitais a pesar das boas palabras que tivo a secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, cos representantes da AMEGA. Por outra banda, esta convocatoria vén sufrindo recortes constantes nos últimos anos, con reducións da dotación orzamentaria sospeitosamente similares en contía ás axudas que percibían medios xa desaparecidos.

Unhas axudas das que, ademais, algunhas publicacións están excluídas por cuestións normativas, como é o caso do Novas da Galiza, que comunica en galego reintegracionista. É idea da AMEGA que ningún medio de comunicación quede excluído a competir en axudas públicas pola normativa que decida utilizar. Nese sentido, facemos nosas as propias palabras do Presidente da Xunta en varios actos institucionais e entrevistas nas que aseguraba que o galego nos permite comunicarnos con 250 millóns de persoas, facendo clara referencia á relación íntima da lusofonía e a lingua galega. Por outra banda, os convenios para a promoción da lingua galega acaban recaendo sempre nas mesmas grandes editoriais, con certas dúbidas sobre a súa legalide, pois algunhas das publicacións subvencionadas non cumpren os requisitos mínimos, tan ridículos como contar cun 6% da información en lingua galega.

Outro dos puntos que chama a atención é a exclusión dos medios de comunicación en galego das constantes campañas publicitarias institucionais. Campañas polas que a Xunta inxecta aos grandes grupos millonarias cantidades de diñeiro en conceptos variopintos de publicidade e propaganda. Por iso, a AMEGA levou ao Parlamento Galego unha Proposición de Lei de Publicidade Institucional. No texto que propoñemos para esta Lei -que contou co apoio do PSdeG, BNG e AGE (apoiarona os tres), recóllese precisamente a prohibición dos convenios pola súa evidente arbitrariedade e a reserva dunha parte do orzamento das campañas publicitarias para medios en galego.

Por todo isto, esiximos a necesaria transparencia no reparto de axudas aos medios de comunicación, así como as campañas publicitarias institucionais. Tamén reclamamos que as axudas á promoción do galego recalen, na súa medida, nos medios que facemos do galego a nosa identidade.

A Asociación de Medios en Galego, que segue en proceso de crecemento, a día de hoxe, chega a uns 300.000 galegos a través dos seguintes medios: A Nova Peneira, A Voz de Vilalba, Crónica 3 -- xornal dixital da Mariña Lucense, Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza Pública, Quepasanacosta.com -- xornal dixital da Costa da Morte, Radiofusión -- rede de emisoras municipais galegas, Sermos Galiza, Tempos Novos, Terra Cha Xa e Valminor.info.

Nenhum comentário:

Postar um comentário