Vitaminas para o galego



QUE É VITAMINAS PARA O GALEGO?
O idioma galego necesita vitaminas. A lingua galega precisa de axudas. Entre os apoios fundamentais figuran os medios de comunicación que empregan, prestixian e difunden o xeito de falar dos habitantes do NO da Península Ibérica. A pluralidade de linguas é unha riqueza cultural que a humanidade debe protexer e cultivar. Para espallar esta idea xorde o proxecto "Vitaminas para o galego", impulsado polos medios en galego e que se centrará en eventos a desenvolver en distintas vilas galegas e nun festival que se celebrará en Santiago de Compostela na primavera do 2012.

QUE FAREMOS COA TÚA AXUDA?
Coa túa aportación contribuirás á realización desta campaña, axudarás ao pago dos calendarios, chapas e paraugas que distribuiremos por toda Galicia. Contribuirás á organización de eventos de sensibilización e apoiarás o mantenemento de medios que buscan vertebrar a comunidade, difundir o noso idioma e garantir a súa transmisión interxeneracional.

QUEN IMPULSA VITAMINAS?
A campaña Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación: Galicia ConfidencialTempos NovosRadiofusiónPraza PúblicaNovas da GalizaVal Miñor.info e Quepasanacosta

Medios colaboradores Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras,  Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surfSurfGZCadernos de Comunicación e Análise; O periódico de Lalín e Comarca;Hermes e Atenea, xornal en galego de deporte e cultura; Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; O xornal De Luns a VenresCabozo, a rede social galega; a rede de blogues Vencello; Cartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira ,o programa radiofónico Plástico Elástico Revista Kubus, Compas da Costa, Ábrete de Orellas, Televinte Chantada e Fervenzas Literarias.


AS RAZÓNS DE VITAMINAS PARA O GALEGO 


A iniciativa VITAMINAS PARA O GALEGO diríxese a todas as persoas que falan en lingua galega e a todas aquelas que a aman.

Quero contribuir a que o idioma propio de Galicia adquira un rango social de normalidade. Preocúpame a situación da nosa lingua e diante do descenso no seu uso, manifesto que a día de hoxe o uso no futuro do noso idioma non está asegurado.

No século XX a lingua galega era falada con espontaneidade e regularidade, mais nas últimas décadas os estudos científicos e mesmo unha sinxela observación, constatan o descenso no seu uso.

Apelo a toda a cidadanía de Galicia, á que vive aquí e á que reside fóra, porque a presenza do galego, a súa extensión, a súa normalización, dependen da vontade do corpo social e das actitudes positivas e activas ao seu favor.

Afirmo que o desfrute cultural é unha necesidade basica, só despois da alimentación, a vivenda, a sanidade e a educación. Asumo a aseveración do filósofo Eduardo Lourenço segundo a cal a cultura non é un fin en si mesmo e por iso defendemos unha cultura vocacionada para a felicidade.

Pero a cultura non existe en abstracto, está vencellada ao territorio, á comunidade humana que habitou e que habita na zona determinada do planeta onde se desenvolve. Porque a universalidade parte do local, do próximo, do cercano.

O galego non é un obstáculo para comunicar cun público consciente e amplo. Por iso queremos reforzar os medios de comunicación en galego, coa criación efectiva dun espazo galego de comunicación, como plataforma de defensa da identidade común. Un espazo que promova novas fórmulas de presenza da lingua e cultura galegas en Europa e no mundo e antes de nada en Galicia.

O galego necesita vitaminas. A campaña recaba con urxencia a colaboración de toda a xente. Quere facer patente a necesidade de axudas, medios, apoio e soporte para o idioma galego. Pretende implicar a moitas entidades e sensibilizar ás persoas, ao pobo; para revitalizar o idioma e garantir a súa transmisión interxeracional.

O galego precisa moitas vitaminas. O país necesita como auga de maio contar con medios de comunicación que empreguen o idioma noso, tamén nos contextos urbanos, alí onde presenta máis febleza.

Vitaminas para o galego pretende visibilizar aos medios en galego, boa parte deles de carácter comarcal. Procuramos ademais vías de financiamento que garantan a súa sontenibilidade e o traballo digno dos seu conxunto de profesionais.

Galicia quere información de proximidade en galego, "mass media" que no século XXI difundan e prestixien o idioma, altofalantes que ensinen a nosa visión do mundo, peten nas conciencias e fagan visible a sensibilidade e a creatividade existente na sociedade galega.

Télécharger manifeste en Français

4 comentários:

  1. Unha iniciativa moi bonita. No Ceip de Cervo, imos grabar hoxe a leitura do manifesto e enseguida volo mandaremos.

    Un saúdo

    ResponderExcluir
  2. Gústame moito a vosa iniciativa, o galego é practicamente inexistente de onde eu veño (Ferrol), e todo esforzo que se faga por el é pouco. Só teño un comentario: coido que en francés, sería "Télécharger manifeste en Français", en troques de "Décharger" ;) Un saúdo!

    ResponderExcluir
  3. Coido que o principal inimigo do idioma galego sempre fomos e seguimos a se-los propios galegos. Históricamente, o noso pobo ten sentido vergonza de emprega-la súa lingua. Aínda hoxe, hai xente que segue falando castelán co médico ou co avogado, cando na casa fala galego. Só nos témo-la culpa diso.

    Por outra banda, non penso que a política adoptada polas institucións estea facendo ningún ben. O galego que me ensinaron a min na escola é distinto do que ensinan agora. Érgueste un día e atópaste que xa non se di "gracias" senón "grazas", ou cousas polo estilo. Miras pra a TVG e falan un idioma "pantasma", que os galegofalantes de toda a vida non recoñecen. Non se lle pode meter con calzador á xente unha forma de falar inventada. NINGUÉN fala así na rúa. O galego auténtico (falado case exclusivamente no rural) considérase incorrecto segundo a normativa, e o galego considerado correcto e académico é unha lingua que non fala ninguén fóra da tele ou da radio. É dicir, ós que o falan de verdade díselles que o fan mal, e ós que non o falan ensínaselles unha lingua pantasma que non empregarán xamais. O que fan desta maneira é mata-lo galego.

    Logo, hai un tema que pode semellar menor, pero que non o é. Trátase da fonética. A fonética galega está case que exterminada. Novamente, só a xente do rural a conserva. E novamente, non hai apenas rastro dela na TVG (tanto é así, que houberon prohibirlle a unha presentadora falar con gheada). A práctica totalidade dos presentadores falan castelán na súa vida privada, e polo tanto teñen unha fonética castelá. O resultado disto é unha fala que apenas se distingue do castelán.

    En relación con isto, xa pra rematar, tampouco vexo moi positiva a corrente "lusófona" como vía para a diferenciación. Como dixen antes pra o galego normativo, iso é mete-las cousas con calzador. O feito de querer distinguirnos do castelán achegándonos ó portugués, non nos fai máis galegos. En todo caso, fainos máis portugueses. Deixémonos de caralladas. Quedémonos co noso e punto.

    En fin, deséxovos moito éxito ca vosa iniciativa. Non é doado cambia-la negativa tendencia actual, polo que tódolos esforzos son poucos.

    Saúdos.

    ResponderExcluir
    Respostas
    1. Ola, Cruz, a normalización da lingua é importante por varios motivos. O primeiro e máis importante é precisamente o que ti mesma deixas ver entre as túas liñas, pois trátase de que todos falemos o mesmo galego (cousa que só se pode facer co tempo... con moito tempo) pois non é o mesmo galego o que falan nunha vila que noutra.

      No proceso de normalización lingüística (que ten o seu camiño, as súas dificultades e precisa, sobre todo, de aceptación por parte de todos os galegos) emprégase un galego moi conservador, para nada evolucionado; e con isto quero dicirche que a crítica que fas a certas palabras está estudada e responde á recuperación das palabras perdidas pola influencia doutras linguas como a castelá ou o portugués... o cal, para nada nos fai máis portugueses, senón máis galegos porque non esquenzas que o portugués ten moito que agradecer ao galego.

      En canto a "gheada" e a outras variantes fonéticas, tamén sinalar que están contempladas no galego normativo coma VÁLIDAS, e de feito na regraxe da nosa lingua gozamos dunha fonética moi ampla e diversa con pronunciacións abertas e pechadas que diferenzan palabras que empregan a mesma grafía. Ese caso que sinalas, concretamente nada debe ter que ver coa normalización lingüística, pois repito, forma parte dela... se cadra deberías investigar se esa prohibición responde a outros intereses, comerciais ou de calquera outro tipo pero sempre por parte da canle de televisión.

      Xa sei que isto da normalización lingüística é algo que amola a moitos, de feito o galego que eu aprendín na escola, pouco ten que ver co que hoxe en día falo... pero é un proceso que tamén tivo lugar noutras comunidades como a euskara ou a catalá e que grazas a aceptación dos seus cidadáns conseguiron pór a súa fala a un nivel aceptábel e envexábel, cousa que antes gozabamos nós e dende hai uns anos perdemos pola nosa propia culpa... e por iso precísanse vitaminas, moitas vitaminas!

      Tan só aceptando unha regulamentación que faga que todos estudemos e co tempo falemos o mesmo galego, e deixarnos de discusións e leas entre os propios galegos, poderemos acadar que cousas que poidan parecer simples como que Google nos poña o servizo de correo-e en galego (por pór un exemplo). Ata o de agora, Google (por seguir co mesmo exemplo) trátanos coma un dialecto e non como unha fala oficial, como unha lingua minoritaria, e coma Google, varios máis.

      Así que xuntemos forzas para recuperar o que tiñamos e polo que loitaron os nosos avós e bisavós, e como ben dis, deixémonos de caralladas pois a normalización lingüística tan só procura que teñamos de novo o galego, porque se callar o galego que ti falas o que aseguras que é o "noso", non se parece ao que falan outros que tamén o tratarán coma "noso". E repito, moitas palabras que ti pensas que son "portugués" pode ser que as estés empregando "castelanizadas" e que os portugueses as adoptaran precisamente dun galego máis antigo do que poidas recordar.

      Un saúdo, Cruz, e non me tomes a mal nin penses que as miñas verbas son un ataque porque estarías errada, xa que calquera que escribe en galego (e eu cometo máis erros que ningún, pois non son filólogo nin nada, tan só un simple hostaleiro galego) fai un favor a súa lingua e dándolle presenza, e polo tanto, estamos no mesmo barco. Agora boguemos na mesma dirección.

      Eu non fago as normas e algunhas gústanme máis que outras, pero aceptándoas e aprendendo delas, acostúmaste e ata te chegan a gustar. O que non debemos é caer no que eu chamo diglosia moderna, é dicir, a vergoña a empregar o galego normativo, porque os nosos fillos, cando veñen de estudalo no colexio, deben sentirse con que o galego que falan é bo, e non diferente... e ahí debemos ser nós, os adultos, os que nos temos que adaptar porque somos os que temos o galego viciado.

      Parabéns a 'Vitaminas para o galego' e moita forza para seguir adiante, precisámolo! Apertas!

      Excluir