24 febreiro 2015

A Xunta, en contra da transparencia nas axudas a medios de comunicación

"O Partido Popular votou en contra da transparéncia nas axudas aos medios de comunicación" afirma a Asociación de Medios en Galego, tras a decisión adoptada esta mañá polo Pleno do Parlamento Galego de non tomar en consideración a proposición de Lei de Publicidade Institucional, presentada pola entidade. Nove veces nos últimos seis anos prometeu o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo "a inmediata presentación da Lei de Publicidade Institucional" sen que en ningunha das ocasións cumprira a súa promesa. Esta mañá os populares rexeitaron a posibilidade de debater o asunto na Cámara autonómica.

"Vostede non ten vergonza" espetoulle a deputada do BNG Montse Prado á representante do Partido Popular Paula Prado, despois de que ésta afirmara que "ainda estamos no ecuador da lexislatura". A parlamentaria popular indicou que a Lei presentada esta mañá "non vale nin para enmendar" e afirmou que se trata dunha mera copia da lei estatal (29/2005 de 29 de decembro) para máis adiante sinalar que outros artigos eran iguais que o proxecto de lei presentado no seu día polo goberno bipartito.
"O PP predica moito de transparencia pero logo ven aquí e se opon a debater as axudas a medios de comunicación" salientou a deputada nacionalista, para logo concluir que "vostedes non queren regular este tema porque están cómodos na opacidade". O BNG presentou a proposición de lei, atendendo ao texto que a Asociación de Medios en Galego lle fixo chegar á totalidade dos grupos parlamentarios.
Xavier Ron (Alternativa Galega de Esquerdas) tamén respaldou a toma en consideración do texto, cifrando en "10 millóns de euros anuais" os cartos que a Xunta de Galicia destina aos medios de comunicación. "Hai que regular este tema para romper e vencer o uso partidista dos recursos públicos, algo que roza a prevaricación" salientou Ron.
Beatriz Sestayo (PSdeG PSOE) apoiou igualmente a iniciativa suliñando que a "política mordaza do PP, nega a moitos sectores sociais o acceso aos medios públicos". "O goberno popular susténtase na mentira e a democracia está secuestrada" manifestou a parlamentaria ferrolana.
A deputada de Cerna Consuelo Martínez sumouse á toma en consideración da Lei, acusando á Xunta de Galicia de "permitir e incluso provocar o peche de medios de comunicación en galego".
  • Asdo. Asociación de Medios en Galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario