13 dezembro 2013

A loita pola dignidade

Este artigo publícase de xeito simultáneo nos medios de comunicación integrantes da Asociación de Medios en Galego, este mes co gallo do “Día das Persoas sen Fogar”, 24 de novembro. Agradecemos a colaboración desinteresada de José Manuel Pena, portavoz de “Stop Desafiuzamentos” de Barbanza, cidadán comprometido de Ribeira, coa nosa misión de promocionar a lingua e a cultura galegas namentres falamos da realidade social de Galicia. Fálanos ademais dunha problemática á cal a sociedade costeira non pode dar as costas.
Desta volta o lema é “Ninguén sen saúde, ninguén sen fogar” e promoven Cáritas, FACIAM (Federación de Asociaciones de Centros para la Integración y Ayuda a Marginados), fePsh (Federación de Entidades de Apoyo a las Personas sin hogar), la Xarxa d´Atenció a Persones sense llar e BesteBi (Plataforma por la inclusión residencial y a favor de las personas sin hogar de Bizkaia).

A loita pola dignidade

Jose Manuel Pena de Stop Desafiuzamentos Barbanza
José Manuel Pena, de Stop Desafiuzamentos Barbanza
Soidade, anguria e indefensión. Así se atopaba unha muller da bisbarra da Barbanza, a piques de quedar na rúa por causa dun procedemento de execución hipotecaria iniciado a instancias dunha coñecida entidade financieira. Iso foi o que nos moveu a coller as rendas e constituír unha Plataforma para protexer ás familias humildes do poder omnipotente dos bancos e presionar á clase política sobre a necesidade de garantir, de xeito efectivo, o dereito de todo cidadán a unha vivenda digna.
Eramos conscientes da cruzada que comezabamos contra o poder político e financieiro, mais nunca cremos atoparnos con tal cantidade de familias afectadas, en pouco máis de ano e medio de vida: case un cento de casos coa total imposibilidade de facer fronte ás súas obrigas hipotecarias, e moitas delas con graves dificultades para chegar a fin de mes, incluso sen nada que levar á boca.
Comezamos con entrevistas cos máximos responsables municipais e os departamentos de servizos sociais, todo iso xunto con campañas, nos diferentes medios de comunicación, co obxectivo de que a propia sociedade civil fose consciente da necesidade de loitar e oporse aos abusos bancarios, de obrigar ás entidades financieiras a negociar antes de que ningunha familia humilde, por causas económicas, tivese que perder a súa vivenda habitual.

 
Refinanzamento dos préstamos, moratorias, dacións en pago, alugueres sociais e cantidade de fórmulas existentes, todas elas para chegar a acordos puntuais coas entidades antes de que unha soa familia quedase na rúa. Un ano e medio despois do comezo, isto, sen dúbida algunha foi un obxectivo sobradamente cumprido.
Tamén nos centramos en recoller sinaturas, para presentar a Iniciativa Lexislativa Popular no Congreso dos Deputados: na bisbarra de Barbanza obtivemos o apoio escrito de máis dun milleiro de persoas. Pero a “chantaxe” do poder financieiro puido máis que a “sensatez” da clase política. Boas verbas e intencións pero os desafiuzamentos seguen a producirse, nun país con máis de seis millóns de persoas sen emprego, con máis de tres millóns de familias que viven na pobreza extrema e, nos últimos catro anos, con máis de medio millón de desafiuzamentos de familias humildes.
Mais non tardaron en implicarse no noso labor, de carácter permanentemente altruista, o Valedor do Pobo e varios profesionais liberais de prestixio (avogados e analistas financieiros), que, coa suficiente experiencia profesional, puideron oporse aos procedementos xudiciais e presionar ás entidades financieiras para obter o compromiso firme de non botar a ninguén da súa única vivenda. E mentras, comezaron a saír as primeiras sentenzas xudiciais dalgúns tribunais superiores. Sentenzas que protexían os Dereitos Humanos das familias contra a usura e o abuso da maioría das entidades: cláusulas e intereses abusivos, concesión de hipotecas-lixo, taxacións irregulares e concesión de préstamos hipotecarios coas garantías de avalistas, sabendo da clara imposibilidade de que a familia, en poucos anos, ía seguir cumprindo coas súas obrigas crediticias e entón o banco íase incautar de varias vivendas para logo especular e vendelas ao mellor postor. E facían todo isto aínda por enriba fachendeando, na maioría dos casos, de que estaban a cumprir o código de boas prácticas bancarias.
De contado nos demos conta de que Bruxelas lexislaba para protexer aos consumidores, namentres Madrid continuaba amparando o saqueo do patrimonio dos bancos por parte dalgúns membros dos consellos de administración con indemnizacións multimillonarias e vizosos plans de pensións. Mentras, milleiros de familias xa apenas poden pensar en pagar a hipoteca cando non son capaces de alimentar, vestir e custear os estudos dos seus fillos. Moitos dos seus membros xa teñen graves secuelas sicolóxicas polo acoso constante dos responsables das entidades financieiras. Mesmo algún ten varios intentos de suicidio ás súas costas.
Seguiremos loitando pola dignidade de todas estas familias. Cada vez somos máis e os verdugos xa están contra as cordas.
  • José Manuel Pena. Portavoz de “Stop Desafiuzamentos” de Barbanza.

Nenhum comentário:

Postar um comentário