17 outubro 2013

Unha nena

Este artigo publícase de xeito simultáneo nos medios de comunicación integrantes da Asociación de Medios en Galego, que agradecen a colaboración desinteresada da escritora e xornalista Rosa Aneiros coa nosa misión de promocionar a lingua e a cultura galegas.

Unha nena, de Rosa Aneiros

Afirmei en numerosas ocasións que a literatura debía volver ao xornalismo, de onde foi apartada bruscamente en nome da falsa e sobrevalorada obxectividade, ese mito que erixe en verdade absoluta os feitos sen aceptar que, dependendo da perspectiva dende onde se mire, estes mudan radicalmente. Claro que eu me refería aos recursos estilísticos das pezas informativas, non aos feitos narrados. Cuestionaba o como, nunca o que, aspecto que sigo a crer a cerna básica do oficio: o que. Porén, na práctica xornalística actual, o QUE parecer ser o de menos. E aceptar isto implicaría asumir que son as tendencias e os índices de audiencia os que marcan o exercicio da profesión e non os códigos deontolóxicos, as regras máis elementais do oficio, as normas básicas que rexen a elaboración das pezas informativas. Porque no caso do asasinato da nena Asunta cruzáronse todas as liñas vermellas. Empurrados uns polos outros, apremados pola necesidade de saciar a ansia de morbo e aguilloados por encher cada día titulares, decidiuse prescindir dos pesos que limitaban o avance rápido pola secuencia dos feitos/non feitos. Así, por que contrastar información cando se pode facer dos murmurios unha fonte fidedigna? 

Por que silenciar todos eses suculentos dIxomedíxomes que percorren a vella Compostela e non convertelos en elemento noticiable? Como obviar adxectivos despectivos, diminutivos e o máis mínimo detalle da intimidade familiar se iso permite unha foto fixa dun escenario truculento? Por que respectar a presunción de inocencia? Por que non dar creto ás teorías máis escabrosas? Por que non afirmar sen pudor se podemos desmentir despois e, nese espazo de tempo, liderar índices de audiencia? Por que calar se podemos apostilar “segundo algunhas fontes” e meter calquera dato por moi especulativo que sexa? Por que non acudir a menores se podemos sacar tallada? Por que agardar a confirmar os datos se algunha fonte da investigación ávida de gloria efémera nolos está ofrecendo en bandexa? Neste caso todos os actores decidiron interpretar outro rol e nun xogo desconcertante de cadeiras hai axentes que xogan a detectives, coadoiros xudiciais que filtran datos, presuntos amigos e familiares que enxurran, xornalistas con vocación de literatos, avogados con ínfulas de manager, responsables de informativos que confunden peza informativa con faladoiros de barra de bar, consumidores de morbo que catapultan os índices de audiencia e unha constatación clara: todo vale. E todo o demais, tamén. Resulta evidente que non escarmentamos co caso de Rocío Wanninkhof porque, de ser así, evitariamos, custe o que custe, os xuízos paralelos e teriamos en máis alta estima a presunción de inocencia esixible nun estado democrático.
Pero non ollemos cara a outro lado porque nesta farsa orquestrada ninguén sae indemne. Cada pau debe aguantar a súa bandeira. As fontes da investigación por querer converterse en estrelas mediáticas filtraron e filtran sen atender ao segredo de sumario. Os avogados dos imputados compórtanse como representantes de famosos de medio pelo e empregan os medios nun xogo perverso e manipulador en prol dos supostos intereses dos seus defendidos. Os imputados alimentan co seu comportamento as máis variadas teorías conspirativas. A sociedade sacia a súa frustración no consumo das máis execrables miserias alleas. Os medios esixen sangue e vísceras a xornalistas que en ocasións preferirían omitir certos datos, que saben que ás veces nesta profesión vale máis o que sabes e calas que o que afirmas. Porque un medio de comunicación suponse que conta información e non ruxerruxes de patio de veciños. Porque cando consumimos medios buscamos respostas a preguntas e non murmurios infundados que se desmenten en poucas horas. Advírtenolo o Colexio de Xornalistas, a Facultade de Ciencias da Comunicación e o Sindicato de Xornalistas: a precariedade acabará segando os pés a esta profesión que xa está nos últimos postos da listaxe das profesións máis valoradas. Non pretendo restar responsabilidade a quen asina a peza pero, dende logo, non é exclusiva de quen redacta. Tamén o é de quen manda, de quen consome, de quen alimenta, de quen filtra, de quen intoxica.
E no medio deste balbordo de datos, especulacións, detalles morbosos e mentiras que provocan xa non só a incredulidade senón o riso chocalleiro de quen devora minutos de radio e televisión e páxinas de xornal, esquecemos a cerna do caso: que hai unha nena, Asunta, que non chegou a facer os trece anos porque alguén decidiu acabar coa súa vida. E esa nena que nos olla tímida e tristeira desde as fotografías merece algo máis que un ohhhh irónico cando coñecemos polos medios asuntos turbios da súa familia. Merece algo máis ca unha rexouba por tanto despropósito de afirmacións, desmentidos e mentiras abertas.
Porque era una nena, Asunta. Unha nena. Unha nena.
E todas somos, ou poderiamos ser, esa nena.
Unha nena.
Asunta.

  • Rosa Aneiros, escritora e traballadora do Consello da Cultura Galega.

Nenhum comentário:

Postar um comentário