24 setembro 2014

A Asociación de Medios en Galego presentan no Parlamento unha proposta de Lei de Publicidade Institucional



A Asociación de Medios en Galego presentou no Rexistro do Parlamento Galego a súa proposta de Lei de Publicidade Institucional. 

Fixoo a través dos grupos parlamentares de AGE e do BNG. A entidade indicou que pretende “protexer, cultivar, difundir e socializar o idioma galego , e facelo resaltando os valores positivos da utilización da nosa lingua”. Para iso reclaman transparencia no reparto das axudas públicas e da publicidade aos medios de comunicación.

Segundo Amega, “a cidadanía comprende o valor do pluralismo nos medios de comunicación para unha maior calidade da democracia, e nós proclamámonos medios defensores dos servizos públicos, sanidade, educación e prestacións sociais como elementos de cohesión e avance da sociedade”. A asociación presentoulle o proxecto de Lei a todos os grupos parlamentares e agarda que todos eles voten a favor da toma en consideración do texto.

A entidade sinala que apoia as demandas do Colexio Profesional de Xornalistas, Sindicato de Xornalistas e Consello de Contas, cando reclaman que a publicidade institucional se reparta en convocatorias públicas e obxectivas ás que todos os medios poidan concorrer en igualdade de condicións.

A Asociación de Medios en Galego formanna os dixitais Galicia Confidencial, Praza Pública, Valmiñor.info, Quepasanacosta, A Voz de Vilalba, Cronica 3, os periódicos impresos Sermos Galiza, Terracha.xa, A Nova Peneira, a revista Tempos novos e máis de vintecinco radios locais integradas na asociación Emisoras Municipais Galegas.


Proposta Lei de Publicidade Institucional (1) by Medios en Galego

Lei de Publicidade Institucional de Galicia

A Asociación de Medios en Galego quere protexer, cultivar, difundir e socializar o idioma galego. E facelo resaltando os valores positivos da utilización da nosa lingua. Para iso reclamamos transparencia no reparto das axudas públicas e da publicidade aos medios de comunicación. 

A cidadanía reclama e comprende o valor do pluralismo para unha maior calidade da democracia. Proclamámonos medios defensores dos servizos públicos, da sanidade, educación, servizos sociais como elementos de cohesión e avance da sociedade. 

Para iso presentámoslle a todos os grupos parlamentares unha proposta de Lei de Publicidade Institucional que queremos que recolla esas ideas.

06 xuño 2014

As fotos de Asunta Basterra

A Asociación de Medios en Galego posiciónase radicalmente en contra da publicación de fotografías denominadas "escabrosas" da nena Asunta Basterra. A entidade fai un chamamento ás direccións dos medios que recolleron esas imaxes, para que as retiren no prazo máis breve posible. Os medios en galego entenden alonxada "da ética informativa e cidadán máis básica" a difusión de imaxes morbosas e que "parecen regocixarse na exaltación dos piores instintos humanos, somentes guiados pola máis ruín búsqueda de audiencias".

Empurrados uns polos outros, apremados pola necesidade de saciar a ansia de morbo e aguilloados por encher cada día titulares, decidiuse prescindir dos pesos que limitaban o avance rápido pola secuencia dos feitos/non feitos. Así, por que contrastar información cando se pode facer dos murmurios unha fonte fidedigna? Por que silenciar todos eses suculentos dIxomedíxomes que percorren a vella Compostela e non convertelos en elemento noticiable? Como obviar adxectivos despectivos, diminutivos e o máis mínimo detalle da intimidade familiar se iso permite unha foto fixa dun escenario truculento? Por que respectar a presunción de inocencia? Por que non dar creto ás teorías máis escabrosas? Por que non afirmar sen pudor se podemos desmentir despois e, nese espazo de tempo, liderar índices de audiencia? Por que calar se podemos apostilar “segundo algunhas fontes” e meter calquera dato por moi especulativo que sexa? Por que non acudir a menores se podemos sacar tallada? Por que agardar a confirmar os datos se algunha fonte da investigación ávida de gloria efémera nolos está ofrecendo en bandexa?

Neste caso todos os actores decidiron interpretar outro rol e nun xogo desconcertante de cadeiras hai axentes que xogan a detectives, coadoiros xudiciais que filtran datos, presuntos amigos e familiares que enxurran, xornalistas con vocación de literatos, avogados con ínfulas de manager, responsables de informativos que confunden peza informativa con faladoiros de barra de bar, consumidores de morbo que catapultan os índices de audiencia e unha constatación clara: todo vale. E todo o demais, tamén. Resulta evidente que non escarmentamos co caso de Rocío Wanninkhof porque, de ser así, evitariamos, custe o que custe, os xuízos paralelos e teriamos en máis alta estima a "presunción de inocencia esixible nun estado democrático" afirmaba no pasado mes de outubro a escritora e xornalista Rosa Aneiros, nun texto de plena actualidade e na Voz dos Medios en Galego.

  • Santiago de Compostela, a seis de xuño do 2014.

26 marzo 2014

Como cho digo

A campaña "Como cho digo", da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) traballa polo mesmo ca nós: Pola visibilización do uso do galego nos medios de comunicación. Como cho digo ;-) www.comochodigo.eu.