01 outubro 2012

Rianxo: "Descalciña pola area" gaña o certame de fotos da campaña "Móllate polo galego"


  • O segundo premio corresponde a unha imaxe con dous nenos do colexio Brea Segade que se enfundaron nunha camisola de "Móllate polo galego" 
  • O terceiro premio vai para a imaxe dos azulexos nos que se le "Villa de Rianjo. Partido de Padrón. Provincia de La Coruña" cunha camisola de "Móllate polo galego" como contraste nunha percha Os autores das imaxes terán que escribir a redaccion@certo.es para identificarse e seguir as instrucións para reclamar o premio
Rianxo, 1 de outubro de 2012. A deliberación non foi doada. Entre as 87 imaxes que participaban o reparto do xurado, integrado por tres membros dos medios de "Vitaminas para o galego", hai auténticas xoias, ben polo motivo escollido, ben polo esforzo creativo que supuxeron. Pero houbo que decantarse e así queda a resolución final:
PRIMEIRO PREMIO
Descalciña pola area. O xurado escolleu esta foto polo gran simbolismo que contén. O título da foto é unha frase de todo un himno de celebración, "A Rianxeira", e tamén quere amosar o compromiso da vila de Rianxo pola lingua galega, que aínda hoxe anda "descalciña pola area", polo que hai que mimala e coidala.
O autor ou autora desta imaxe ten dereito a unha noite de aloxamento para dúas persoas na data a escoller deste mes de outubro na casa de turismo rural e agricultura ecolóxica A Pousadoira (http://www.pousadoira.com)
Media_httpfarm9static_ockbb
Entrada de A Pousadoira, en Callobre, Miño. Lugar ideal para coñecer as impresionantes Fragas do Eume
SEGUNDO PREMIO
No Brea Segade mollámonos polo galego. O xurado escolle esta foto pola creatividade e simpatía amosadas, así como polo esforzo demostrado ao rodear o lema central da campaña "Móllate polo galego" de material didáctico na lingua de Rosalía.
Os autores ou autoras desta imaxe teñen dereito a unha tablet doada pola academia de informática Castelao (http://www.infocastelao.es)
Media_httpfarm9static_ijlyg
Informática Castelao (rúa Roxelius 7, baixo, en Rianxo) é tenda de informática e centro de formación
TERCEIRO PREMIO
Azulexos na entrada de Rianxo. O xurado escolle esta imaxe pola evidente denuncia que se fai dunha situación que non se deu corrixido en décadas, a pesares da Lei de Toponimia ou mesmo da de Memoria Histórica.
A autora ou autor desta imaxe ten dereito a unha cea para dúas persoas no restaurante O Furancho de Rianxo, situado Tras da Igrexa.
Media_httpfarm9static_lawps
O restaurante O Furancho está detrás da Igrexa en Rianxo

Os medios de Vitaminas para o galego agradecen, unha vez máis, o patrocinio do Concello de Rianxo para esta campaña, así como a colaboración de A Pousadoira, Informática Castelao e O Furancho. Tamén queremos salientar a alta participación de concursantes, aos que felicitamos polo seu inxenio e pola promoción tan destacada da vila de Rianxo e das súas belezas.
Que é Vitaminas para o Galego?
Vitaminas para o Galego, impulsada dende un inicio por Galicia ConfidencialTempos NovosRadiofusiónPraza PúblicaNovas da GalizaVal Miñor.info e Quepasanacosta, conta xa con 25 medios asociados, pois as devanditas cabeceiras se lles uniron con posterioridade Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras, Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surf SurfGZCadernos de Comunicación e AnáliseO periódico de Lalín e Comarca; Hermes e Atenea, xornal en galego de deporte e cultura; Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; o xornal De Luns a VenresCabozo, a rede social galega; a rede de blogues VencelloCartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira, o xornal Compás da Costa; o programa radiofónico Plástico Elástico e os mensuais Gaceta de Fene e Cerne, xornal da terra de Melide.
O obxectivo global da campaña, comezada a principios de ano, é “sensibilizar sobre a necesidade de que haxa medios de comunicación en galego para garantir a transmisión interxeracional”, ademais da “procura de recursos económicos para axudar á supervivencia dos medios”.

Nenhum comentário:

Postar um comentário