13 decembro 2013

Pola salvación do Museo do Pobo Galego

Bo exemplo é o Museo do Pobo Galego para describir o estado da cultura galega. Síntomas de crise, síntomas de fame, nestes tempos nos que as institucións culturais son vítimas dos recortes provocados por unha visión da cultura como algo secundario.
O Padroado do Museo, consciente de que os socios e socias constitúen a súa base social, considera preciso "reforzar o museo como institución de toda a sociedade galega como referente dos elementos de identidade que nos definen como pobo".
Nesa liña arrincan cunha campaña de ampliación de socios, coa intención de alcanzar 500 novas inscricións para finais de 2014.
E aí, a rede da Asociación de Medios en Galego quere poñer o seu grao de area e apoia á campaña cunha acción informativa conxunta.

A loita pola dignidade

Este artigo publícase de xeito simultáneo nos medios de comunicación integrantes da Asociación de Medios en Galego, este mes co gallo do “Día das Persoas sen Fogar”, 24 de novembro. Agradecemos a colaboración desinteresada de José Manuel Pena, portavoz de “Stop Desafiuzamentos” de Barbanza, cidadán comprometido de Ribeira, coa nosa misión de promocionar a lingua e a cultura galegas namentres falamos da realidade social de Galicia. Fálanos ademais dunha problemática á cal a sociedade costeira non pode dar as costas.
Desta volta o lema é “Ninguén sen saúde, ninguén sen fogar” e promoven Cáritas, FACIAM (Federación de Asociaciones de Centros para la Integración y Ayuda a Marginados), fePsh (Federación de Entidades de Apoyo a las Personas sin hogar), la Xarxa d´Atenció a Persones sense llar e BesteBi (Plataforma por la inclusión residencial y a favor de las personas sin hogar de Bizkaia).

A loita pola dignidade

Jose Manuel Pena de Stop Desafiuzamentos Barbanza
José Manuel Pena, de Stop Desafiuzamentos Barbanza
Soidade, anguria e indefensión. Así se atopaba unha muller da bisbarra da Barbanza, a piques de quedar na rúa por causa dun procedemento de execución hipotecaria iniciado a instancias dunha coñecida entidade financieira. Iso foi o que nos moveu a coller as rendas e constituír unha Plataforma para protexer ás familias humildes do poder omnipotente dos bancos e presionar á clase política sobre a necesidade de garantir, de xeito efectivo, o dereito de todo cidadán a unha vivenda digna.
Eramos conscientes da cruzada que comezabamos contra o poder político e financieiro, mais nunca cremos atoparnos con tal cantidade de familias afectadas, en pouco máis de ano e medio de vida: case un cento de casos coa total imposibilidade de facer fronte ás súas obrigas hipotecarias, e moitas delas con graves dificultades para chegar a fin de mes, incluso sen nada que levar á boca.
Comezamos con entrevistas cos máximos responsables municipais e os departamentos de servizos sociais, todo iso xunto con campañas, nos diferentes medios de comunicación, co obxectivo de que a propia sociedade civil fose consciente da necesidade de loitar e oporse aos abusos bancarios, de obrigar ás entidades financieiras a negociar antes de que ningunha familia humilde, por causas económicas, tivese que perder a súa vivenda habitual.