17 outubro 2013

Unha nena

Este artigo publícase de xeito simultáneo nos medios de comunicación integrantes da Asociación de Medios en Galego, que agradecen a colaboración desinteresada da escritora e xornalista Rosa Aneiros coa nosa misión de promocionar a lingua e a cultura galegas.

Unha nena, de Rosa Aneiros

Afirmei en numerosas ocasións que a literatura debía volver ao xornalismo, de onde foi apartada bruscamente en nome da falsa e sobrevalorada obxectividade, ese mito que erixe en verdade absoluta os feitos sen aceptar que, dependendo da perspectiva dende onde se mire, estes mudan radicalmente. Claro que eu me refería aos recursos estilísticos das pezas informativas, non aos feitos narrados. Cuestionaba o como, nunca o que, aspecto que sigo a crer a cerna básica do oficio: o que. Porén, na práctica xornalística actual, o QUE parecer ser o de menos. E aceptar isto implicaría asumir que son as tendencias e os índices de audiencia os que marcan o exercicio da profesión e non os códigos deontolóxicos, as regras máis elementais do oficio, as normas básicas que rexen a elaboración das pezas informativas. Porque no caso do asasinato da nena Asunta cruzáronse todas as liñas vermellas. Empurrados uns polos outros, apremados pola necesidade de saciar a ansia de morbo e aguilloados por encher cada día titulares, decidiuse prescindir dos pesos que limitaban o avance rápido pola secuencia dos feitos/non feitos. Así, por que contrastar información cando se pode facer dos murmurios unha fonte fidedigna?